Sunday 05 de May de 2024

Máis de 50 alumnos do Colexio Bayón de Ribeira inaugurarán as visitas ás instalacións a Meteogalicia en 2016


No primeiro mes deste ano un total de seis grupos achegaranse ata as dependencias en Santiago para coñecer o seu funcionamento e os sistemas de predición

O servizo de predición meteorolóxica da Xunta de Galicia, Meteogalicia, recibirá o vindeiro martes, 12 de xaneiro, ao primeiro grupo de alumnos que ao longo deste ano visitarán as instalacións de Meteogalicia, un total de 56 alumnos de 1º e 2º da ESO do Colexio Bayón de Ribeira. Estas actividades permite aos visitantes, principalmente alumnos de centros educativos de Galicia -así como ao persoal docente-, coñecer ás instalacións e o funcionamento de Meteogalicia e os sistemas e material empregado para coñecer a predición meteorolóxica.

Ao longo deste primeiro mes de 2016, un total de seis grupos de cinco centro de Primaria e da ESO achegaranse ata as dependencias en Santiago de Compostela, e tamén destaca o feito de que case a totalidade dos centros son da provincia da Coruña. Na seguinte táboa indícase o calendario de visitas ao longo do mes de decembro.

Estas actividades adáptanse e adecúanse ao nivel e intereses do auditorio, de modo que se afonda máis ou menos segundo o devandito nivel. No caso de que os alumnos participantes sexan de Bacharelato tamén se lles explica unha descrición das situacións sinópticas e o seu recoñecemento. Para alumnos de Universidade ou outro tipo de grupos explicarase tamén o funcionamento dos modelos meteorolóxicos, a interpretación dos seus resultados e o uso da páxina web de Meteogalicia na que se poderá atopar toda a información que se precisa para realizar a predición. Tamén se deteñen, se é de interese, nun aspecto fundamental da meteoroloxía como é a detección e seguimento de fenómenos meteorolóxicos adversos e fan especial fincapé nas fontes de incerteza que existen no traballo de toma de datos e na posterior predición.

Estas actividades divulgativas están enfocadas tanto a estudantes de centros de ensinanza, como ás asociacións culturais. Para elo, ademais de incluír visitas ás instalacións de Meteogalicia en San Lázaro, tamén se explican os pasos esenciais que se deben dar para realizar as predicións meteorolóxicas. Na seguinte táboa indícanse por día os centros que participarán nesta actividade formativa.

Meteogalicia recibe alumnos de colexios e institutos dende o seu comezo, hai 15 anos, xa que sempre se considerou unha parte fundamental da meteoroloxía dar a coñecer cómo se fan as predicións e medicións do medio atmosférico. Para máis información sobre o contido das conferencias que se imparten en Meteogalicia hai que consultar o seguinte enlace: http://www.meteogalicia.es/web/formacion/formacionIndex.action.

Optimización da web
Nestes encontros tamén se aproveitará para explicar aos visitantes a optimización levada a cabo na web de Meteogalicia, que consiste na posta en marcha dun sistema de elaboración automática de comentarios na predición a curto prazo específico para cada concello e que xa está dispoñible na páxina: http://www.meteogalicia.es. Este reforzo da información é froito da colaboración entre Meteogalicia e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) para mellorar a información sobre a predición meteorolóxica dos concellos que se ofrece a través da páxina web.

As notas explicativas ofrecen o prognóstico meteorolóxico e o índice de calidade do aire en cada municipio galego. O comentario xérase de xeito automático a partir da aplicación GALiWheather, empregando para isto técnicas de intelixencia artificial e xeración de linguaxe natural.

Outra das novidades introducidas na páxina web é a predición da calidade do aire do día actual e os dous seguintes, mediante unha escala de cores. Ofrécense datos das estacións meteorolóxicas pertencentes á rede de estacións automáticas de Meteogalicia, no contorno do concello seleccionado; e ademais, a web contén gráficos coa evolución das temperaturas máximas e mínimas a curto e medio prazo.